
Movemento Educativo
Somos un Movemento Educativo que propón aos nenos, nenas, mozos e mozas asumiren o protagonismo do seu propio desenvolvemento.
Somos un movemento educativo, un conxunto de homes e mulleres que compartimos o ideal de
persoa, sociedade e Igrexa do Escutismo Católico e asumimos o compromiso de desenvolver e estender
o seu Proxecto Pedagóxico en España.
Somos un Movemento para os nenos, nenas, mozos e mozas, que tamén integra como axentes
educativos aos responsábeis, familias e comunidades cristiás que confían na súa capacidade de se
responsabilizaren do seu desenvolvemento e configuran os contornos educativos que fan posíbel o
Escutismo.
O noso compromiso con todos eles artéllase por medio dunha proposta educativa, o
Programa de Mocidade, que quere dar resposta en cada momento ás súas necesidades e ás súas
arelas.
Para realizarmos o noso proxecto dotámonos dunha estrutura organizativa que debe ser eficaz,
flexíbel, democrática e participativa para todos os axentes que forman parte do Movemento.

Movemento Scout
Somos parte do Movemento Scout, unha irmandade universal que comparte un ideal de vida, un método de traballo e unha misión: contribuír á construción dun mundo mellor.
Somos parte do Movemento Scout, unha irmandade universal que quere contribuír á construción
dun mundo mellor, de acordo cos valores universais expresados na Lei e a Promesa recollidas na
Constitución da Organización Mundial do Movemento Scout, que convidan a cada scout a ser unha
persoa íntegra e feliz, socialmente comprometida e aberta ao encontro coa Transcendencia.
Por medio das nosas actividades, artelladas de acordo co
Método Scout, acompañamos aos nenos, nenas, mozos e mozas no seu proceso de crecemento
persoal, propóndolles a implicación activa nun proxecto educativo non formal que lles permite
protagonizar o seu propio desenvolvemento.
Mediante a realización da súa tarefa educativa, os responsábeis scouts desenvolven un servizo
aos demais por medio do cal o Movemento contribúe á transformación positiva do mundo, empregando o
seu exemplo persoal como ferramenta fundamental e comprometéndose en procesos de formación e
desenvolvemento.

Igrexa Católica
Somos parte da Igrexa Católica, un bo lugar que convida ao encontro transformador con deus no que todas as persoas que queren desenvolver a súa dimensión espiritual son acollidas.
Somos parte da Igrexa Católica e sentímonos corresponsábeis da súa misión, que desenvolvemos
por medio do noso proxecto educativo. O noso Movemento é un bo lugar onde as persoas cristiás se
senten convidadas a fortaleceren a súa fe por medio do encontro con Xesucristo, o compromiso coa
Igrexa, e a opción por integraren na propia vida os valores do Evanxeo.
Somos o Escutismo que propón a Igrexa a iniciativa dos seus pastores e por iso nos sentimos
chamados a sermos a casa común de todo o Escutismo Católico en España.
Por medio do Escutismo Católico, a Comunidade Cristiá ábrese e acolle a todas as persoas
dispostas a descubrir e afondar na experiencia espiritual, independentemente da súa tradición
relixiosa ou de que non se atopen identificadas con ningunha. Por iso, tamén nos comprometemos a
fomentar a experiencia da pluralidade e a comuñón dentro da Igrexa, a contribuírmos ao Ecumenismo e
ao Diálogo Interrelixioso.

Movemento comprometido
Somos un Movemento comprometido co noso contorno natural, social e cultural.
Somos un movemento comprometido coa sociedade, con cada unha das persoas que viven no
territorio español, especialmente con todos os nenos, nenas, mozos e mozas, sexan cales sexan as
súas circunstancias, e coas súas familias, que confían en nós unha parte importante da educación
dos seus fillos e fillas.
Somos un movemento apartidista onde nos atopamos persoas que, compartindo os valores do
Escutismo e compromiso coa democracia, temos distintos puntos de vista políticos e sociais.
Queremos contribuír á construción dun mundo mellor fomentando que os nenos, nenas, mozos e mozas
asuman unha cidadanía crítica, responsábel e participativa, comprometida activamente coa
transformación dos seus diferentes contornos sociais, aberta á cooperación con todas as persoas do
mundo.
Apostamos por traballar en rede con aquelas organizacións coas que poidamos compartir o noso
servicio.
Somos conscientes de formarmos parte do contorno natural e comprometémonos á súa preservación e uso responsábel, promovendo a súa sustentabilidade. Consideramos que as nosas distintas identidades culturais, tanto as propias como as que nos achegan as persoas que veñen doutros países, constitúen unha riqueza que merece ser coñecida, conservada e valorada por medio do noso proxecto educativo, que promove un modelo social intercultural.
*Aprobada na Asemblea Xeral Ordinaria de 51 escoita Católico. Madrid, 24 e 25 de outubro de
2009.
